Editorial Violencia

Este exemplar de Cadernos de Psicoloxía inaugura unha nova etapa da revista. Ten sido unha espera máis prolongada do previsíbel desde o último número, en parte por circunstancias sobrevidas imprevistas e, en parte, polas dificultades da tarefa que supón compor un consello de redación completamente renovado. Non obstante, creo que recollo o sentir maioritario dos colexiados, desde logo si o da Xunta de Goberno, ao expresar a importancia que supón para a nosa organización o feito de dispor dun instrumento de comunicación propio sobre as nosas inquietudes e ocupación profesional. Mais tamén desexo testemuñar o difícil que resulta, como supoño resultou no pasado e resultará no futuro, traela á luz con regularidade e un mínimo de calidade coa pretensión de que resulte útil e atractiva para profesionais que se dedican a áreas bastante diferenciadas entre si. Este, desde logo, é o noso obxectivo, polo que as suxestións e as aportacións serán sempre benvidas.

Como nova etapa que comeza, a revista contén algunhas novidades que me gustaría comentar. Alén do formato que variou por razóns de funcionalidade na lectura e o arquivo dos exemplares, decidimos adoptar o estilo de citación da APA (American Psychological Association) por ser o maioritariamente utilizado nas publicacións do noso medio. Tamén inauguramos algunhas seccións como «Xente de aquí» dedicada a coñecer mellor a psicólogos e a outros profesionais que tiveron (ou teñen) unha influencia importante na psicoloxía deste país ou «Portaberta» que nace co obxectivo de estimular o envío de colaboracións breves tales como casos clínicos, descrición de experiencias profesionais, reflexións sobre temas de actualidade con repercusión no noso ámbito e, en xeral, aquelas colaboracións que non se axusten ao formato habitual dun artigo científico.

Por último, quero dedicar unhas palabras de presentación do presente número que xira arredor do tema xenérico «Violencia». Sen dúbida, a violencia representa tanto un exemplo de temática transversal ao interese e á intervención profesional do psicólogo como diferentes son os contextos nos que a violencia é susceptíbel de manifestarse coas súas características peculiares. Conscientes da imposibilidade que supón pretender abarcar isto na súa totalidade, seleccionamos tres contextos básicos e próximos como columna vertebral deste número; a saber, a familia, a escola e o traballo. Así, o artigo de Joaquín Prieto, actual coordinador do pioneiro programa «Abramos o círculo», reflicte o estado da cuestión respecto á intervención con homes que exercen a violencia cara á súa parella cunha exhaustiva revisión dos modelos de tratamento máis efectivos e os resultados obtidos. Pola súa parte, o equipo de Fernando Justicia describe as características dun programa de intervención precoce no ámbito escolar coa finalidade de previr condutas de violencia entre iguais, que foi testado recentemente. Así mesmo, Isabel Soler e colaboradores sintetizan os achádegos de investigación con valiosos datos actualizados respecto ao fenómeno do mobbing en torno a un modelo comprensivo integrador, sen esquecer os retos de cara ao futuro.

Mención especial merece a entrevista realizada por José Manuel Sabucedo a Ervin Staub, personalidade de talla internacional e autor do coñecido texto «As raíces do mal», experto en análise e prevención de violencia intergrupal e xenocidio, con quen tivemos a fortuna de contar neste número.

Outros dous artigos están relacionados e céntranse nos efectos da violencia nas víctimas e na súa posíbel abordaxe clínica. Anabel González analiza en detalle o complexo binomio disociación-trauma, argumentando solidamente a etioloxía traumática deste frecuente fenómeno clínico, en canto que os brasileiros Esly Regina Carvalho e André Mauricio Montero expoñen sucintamente as bases metodolóxicas e principios prácticos do EMDR, unha das técnicas máis prometedoras do arsenal psicoterapéutico actual, recomendada especialmente para a abordaxe do transtorno por estrese postraumático.

Completan este número de Cadernos outros tres traballos. En primeiro lugar, ofrécese a transcrición da Mesa Redonda sobre «Infancia e violencia» organizada polo Comité de Redación da Revista, celebrada no pasado mes de maio e moderada por José Manuel Oreiro, na que participan destacados profesionais do noso país relacionados coa infancia. En segundo lugar, a sección xa comentada «Xente de aquí» cun denso e excelente artigo escrito por Jorge Castro dedicado ao case descoñecido psicólogo ourensán Eloy Luís André (1876-1935), mais que resulta ser o único español citado por Wundt nas súas obras. Por último, Gonzalo Martínez repasa con agudeza algunhas particularidades da violencia exhibida nos Medios e o contexto social en que ten lugar.

Só me resta agradecer tanto aos autores como ao resto do consello de redación do que formo parte, a súa colaboración neste proxecto e esperar que o noso esforzo se vexa recompensado polo interese dos colexiados e lectores en xeral.

Torrado Oubiña, V. M. (2008): Violencia. Cadernos de Psicoloxía, 32, 5-7.