Eloy Luis André (1876-1935) e as identidades histórico-culturais da psicoloxía

Cando en 1910 o psicólogo ourensán Eloy Luis André regresa da súa estancia de estudos en Alemaña, redacta Mi labor en Leipzig, unha memoria manuscrita sobre as actividades que tratara de desenvolver alí. Nela fala dos tres obxectivos fundamentais perseguidos coa viaxe: estreitar os lazos hispano-xermánicos através da pedagoxía, desenvolver a súa propia labor persoal e perfeccionar a súa formación académica. Por eses anos, Alemaña representa, sen dúbida, o progreso europeísta en que os intelectuais españois tratan de embarcar a súa propia realidade social; Alemaña-Europa é o lugar co que hai que conectar, o espazo onde formarse e acadar unha preparación adecuada para responder ao atraso social e económico que asola o país. E a xulgar polas palabras de Luís André, é fácil supor o importante papel que se atribuía á pedagoxía na aspiración de poder ollar cara a cara as potencias europeas.

Castro Tejerina, J. (2008): Eloy Luis André (1876-1935) e as identidades histórico-culturais da psicoloxía. Cadernos de Psicoloxía, 32, 103-134.