Editorial a percepción da incerteza

Seguramente non sorprendería a ninguén se afirmase que estamos en crise. E non só a nivel social e económico, como é obvio e por todos sabido, con todos os adxectivos especificativos posíbeis: financeira, das pensións, laboral, do estado de benestar... Previamente, vivimos tamén nos últimos anos situacións críticas, conflitivas e cambiantes para a psicoloxía, tanto do punto de vista profesional como colexial. Foi obxecto de crise cuase-cismática o status legal e profesional que confería o título de psicoloxía coa consolidación do novo de psicoloxía clínica, cuxas repercusións continúan a nos afectar hoxe en día. Con respecto á organización colexial, continúa a ser obxecto de debate o nivel e alcance da representación dos diferentes colexios autonómicos no novo Consello Xeral de Colexios Oficiais de Psicólogos, momento que se pode considerar punto de inflexión en canto ao futuro.

Con este vocábulo proveniente do latín crisis, por súa vez do grego κρίσις, referímonos principalmente a unha conxuntura de cambios en calquera aspecto dunha realidade organizada mais inestábel. Os cambios críticos sempre teñen algún grao de incerteza, xa sexa con respecto á súa reversibilidade, xa con respecto á súa profundidade e implicacións. Mais se entendermos a crise como cambio e incerteza e recoñecemos que estes aspectos forman parte da existencia humana individual, da historia das civilizacións e até da propia evolución, que ten de diferente precisamente este momento e estas circunstancias? Ou desde outro punto de vista, acaso non estamos sempre en crise? Pois ben, sen rexeitar de todo a hipótese da cotidianidade da crise ou da crise permanente, creo que se intensificou e xeneralizou a percepción da incerteza á que aludíamos hai un momento. Con todas as implicacións que esta definición construtivista ten, resulta esencial, pois, sentirse ameazado nalgún aspecto para «estar en crise».

Aínda que este novo número dos Cadernos non representa un monográfico, na realidade preséntanse algúns traballos que poderían ser considerados neste contexto conxuntural. Así, nun contexto de crise do sistema sanitario, mentres o gasto farmacéutico parece dispararse sen que nin «os xenéricos» se atrevan a frealo, tratamentos psicolóxicos avalados para a depresión han de competir cos poderosos intereses económicos das compañías farmacéuticas que non sempre van parellas cos intereses dos pacientes nin da sociedade no seu conxunto. José Eduardo Rodríguez aborda con lucidez neste número este espiñoso asunto.

Ana Martínez Arranz revisa a imaxe social reflectida nos medios de comunicación dos psicólogos que se dedican á atención de persoas en situación de emerxencia ou catástrofe.
Outra situación crítica e frecuente reflíctea a ruptura dunha relación de parella, unha de cuxas consecuencias máis lamentábeis é a utilización, (mal)intencionada ou non, dos fillos no conflito. Neste contexto, Sonia Váccaro analiza exhaustivamente o polémico concepto da Síndrome de Alienación Parenteral.

Por outra parte, o diagnóstico de autismo nun fillo ou filla representa un exemplo de cambio na vida dos pais e da familia que se ve tipicamente ameazada. Manuel García e colaboradores, da Universidade da Coruña, constatan a evolución que os pais de nenos e nenas autistas percibiron con respecto á detección precoz e diagnóstico do transtorno e das repercusións na vida diaria das familias.

Por último, Vicente Garrido precisa o concepto de delincuencia sexual e as súas manifestacións, achegándonos os últimos achados da investigación sobre a rehabilitación destes suxeitos segundo as súas diferentes características.

Na sección Porta Aberta, M. Pazos dedica unha breve e merecida reseña in memoriam ao mestre e pioneiro Miquel Siguan. Probabelmente non reparemos niso, mais habemos de recoñecer que poucas profesións experimentaron un progreso similar á nosa que, en boa medida, pode cualificarse de vertixinoso. E unha figura chave neste proceso foi Siguan, que co seu compromiso ético e intelectual constitúe todo un referente que axudou a conformar o status actual da psicoloxía en España.

Da mesma maneira, aproveitamos para incluír as entrevistas a Amparo Belloch Fuster e a Javier Sardiña Agra que a nosa compañeira Rocío García Calvo realizou no contexto do importante I Congreso Galego de Psicoloxía Clínica que tivo lugar en Santiago no ano pasado.

En Xente de Aquí, recréase a figura de Xoán Vicente Viqueira, «o primeiro que estivo a punto de ser un verdadeiro psicólogo en España» (en palabras do autor do artigo, Helio Carpinteiro), unha personalidade visionaria e tamén un talento malogrado prematuramente para a nosa disciplina.

Desde o Consello de Redacción dos Cadernos esperamos, como sempre, que estes artigos levanten interese e resulten de utilidade, recordando o noso desiderátum inicial de que a revista reúna simultaneamente rigor e participación activa por parte dos profesionais aos que vai dirixida. Este será, con certeza, o empeño do renovado Consello de Redacción que xa quenta motores para esta nova andaina que comeza para os Cadernos.

Torrado Oubiña, V. M. (2011): A percepción da incerteza. Cadernos de Psicoloxía, 33, 5-7.