Os psicólogos nas catástrofes vistos a través da prensa escrita

Desde hai 12 anos a área da Psicoloxía de Emerxencias e Catástrofes evolucionou no noso país de forma sorprendente e traumática. Sorprendente porque en tan pouco tempo os profesionais e os grupos de intervención desta área multiplicáronse. Traumática porque o avance foi á custa de grandes catástrofes. Dado que é recente a nosa aparición en escena, interésanos coñecer a transmisión e valoración que se fai sobre o que facemos desde os medios de comunicación, en concreto desde a prensa escrita. Revisaremos a información publicada, tanto en formato papel como en dixital, en dous dos xornais de maior tiraxe nacional, El País e El Mundo, e no xornal galego de maior difusión, La Voz de Galicia. Servirémonos de tres acontecementos significativos, as dúas catástrofes que marcaron un antes e un despois na nosa profesión: a riada do cámping de Biescas no ano 1996 e os atentados do 11-M en Madrid, e a máis recente, o accidente aéreo de Barajas, para o que nos serviremos tamén de máis diarios. Con esta revisión pretendemos tamén convidar á reflexión sobre a nosa responsabilidade en todo este proceso.

Palabras chave: prensa escrita, psicólogos, transmisión de información, imaxe, emerxencias, catástrofes
Martínez Arranz, A. I. (2011): Os psicólogos nas catástrofes vistos a través da prensa escrita. Cadernos de Psicoloxía, 33, 27-49.