Editorial Fagamos memoria
Esta é a invitación que vos queremos achegar neste número. Facer memoria, boa memoria, é o obxectivo da nosa actividade diaria como psicólogos e psicólogas en incontables ocasións. Aqueles profesionais que traballan con procesamentos mentais básicos, nos que recordar ocupa un papel transcendental; aqueles que interveñen con experiencias traumáticas, onde a permanencia no presente de episodios que deberían recoñecerse e situarse como xa pasados continúan perturbando; quen busca axudar a construír novos esquemas de funcionamento non condicionado aos xa ensaiados. Todos eles buscan domear a materia prima que é a memoria na especie humana.
Cando nace a idea deste número, atopámonos socialmente inmersos no proceso de “recuperación da memoria histórica”, un exercicio da sociedade que mostra que para poder esquecer hai que primeiro lembrar e reparar os recordos. E é que non hai superación con esquezo cando o vivido é transcendental. A quimera do esquezo non é una posibilidade dos humanos. Os seres humanos recordan sempre, incluso cando non son conscientes de estar recordando. É por iso que sanear a memoria é imprescindible para poder seguir o noso camiño.
Desde aquel momento inicial, chegamos ao remate deste número inmersos nunha época de reto social, político e profesional, que nos esixe xerar novas respostas e na que todos, a psicoloxía tamén, temos que implicarnos en presentar ilusións de cambio e de mellora. Tamén aquí a memoria pode xogar un papel fundamental: recordando o futuro. En “Alicia a través do espello”, de Lewis Carroll, a Raíña Branca dille a Alicia que “a memoria funciona en ambas direccións”. A raíña non só recorda cousas do pasado senón tamén “cousas que pasaron a semana que vén”. Alicia replícalle que non se poden lembrar cousas antes de que sucedan, ao que a raíña responde:“Trátase dunha clase de memoria bastante pobre a que só funciona cara atrás”.
Como no conto, recordar o futuro é o desvío da memoria que posibilita romper co previsto. Tomar conciencia de elo e asentar a memoria no “xa pasado” libéranos para poder imaxinar un futuro distinto.
Os artigos que vos presentamos neste número recollen as achegas dos seus autores sobre este tema, ás veces centrados no estudo e intervención sobre o recordo de outros, ou a través do exercicio da elaboración pública da memoria persoal. A todos eles, grazas polas súas valiosas contribucións que, sen dúbida, colaborarán na construción da boa memoria de todos nós.