A memoria do trauma ou o trauma da memoria

Hoxe en día existen datos científicos dabondo para afirmar que o funcionamento da mente humana depende da organización e do funcionamento do cerebro. Á súa vez, o bo ou mal funcionamento do cerebro, e por ende da mente, depende en boa parte da calidade das relacións interpersoais que as nais e os pais ou outros coidadores, son quen de ofrecer aos nenos e ás nenas, sobre todo durante a súa xestación e os tres primeiros anos de vida, como tamén nas súas fases posteriores. Polo tanto, a mente infantil emerxe da interface entre as experiencias relacionais dun neno ou unha nena cos seus proxenitores ou outros coidadores coa estrutura e o funcionamento do seu cerebro modelado pola súa xenética (Siegel, D. 2007). Noutras palabras, a mente infantil e despois a adulta emerxe da actividade cerebral, cunha estrutura e unha función que están directamente modeladas polas experiencias interpersoais. A entidade que denominamos "mente" pódese entender, no seu significado máis sinxelo, como o modelo de fluxo de enerxía e información. Como veremos, a enerxía e a información poden circular no interior do cerebro, ou entre distintos cerebros. Así pois, os modos segundo os cales a enerxía e a información circulan nun individuo, ou entre dous individuos, axudan a crear a experiencia mental.

 

Barudy, J. (2013): A memoria do trauma ou o trauma da memoria. Cadernos de Psicoloxía, 34, 60-74.