José Luis Sampedro Premio Dolores Llópiz - Psicoloxía e Sociedade 2013
As circunstancias son as que son, e aceptámolas do mellor xeito posible. Pero a todos e todas nos gustaría ter tido a ocasión de escoitar as palabras do profesor Sampedro recollendo o premio Dolores Llópiz - Psicoloxía e Sociedade 2013, co convencemento de que daría un discurso memorable, aproveitando a oportunidade para expresar as súas ideas, como sempre fixo. Lamentablemente, non foi posible, debido ao seu recente falecemento, pero tentaremos recoñecer a esta figura o mellor posible.
É curioso que se lle renda homenaxe a un economista, que sexa reivindicado como un referente ético, máis aínda cando a economía está máis presente ca nunca no noso día a día, e volvémonos un pouco expertos e expertas, e sabemos de mercados, de primas de risco, de EREs... Pero é que era un economista pouco habitual. El mesmo distinguía dúas clases de economistas: aqueles que traballan para facer máis ricos aos ricos, e os que traballan para facer menos pobres aos pobres, no grupo no que el se incluía. Unha sensibilidade e un compromiso que o fixo ser unha persoa querida, admirada e respectada en vida, algo infrecuente.