Editorial A psicoloxía que vén
A psicoloxía é unha disciplina única e diversa. As súas teorías e métodos proporcionan unha visión singular para comprender de xeito integral a mente e o comportamento humanos; é dicir, como pensamos, sentimos, actuamos e interactuamos, tanto individual como grupalmente. Desde os seus albores, o coñecemento e a aplicación da psicoloxía medraron e desenvolvéronse ao abeiro dos cambios históricos, políticos, económicos e sociais, dando cumprida resposta aos retos, ás esixencias e ás necesidades da sociedade. Progresivamente, a íntima relación de intercambio establecida con outras tradicións científicas propiciou un crecemento e unha penetración na sociedade sen precedentes (COP, 1998), a través dun conxunto articulado de áreas de traballo ou divisións que abranguen campos específicos de actuación tan diferentes como o coidado da saúde, o ensino, a mellora dos negocios ou o desenvolvemento tecnolóxico. Como resultado, a ciencia psicolóxica e a intervención aplicada revelan hoxe novas e mellores formas para que as persoas desenvolvan a súa existencia e prosperen nun mundo complexo e cambiante.
En Galicia, o exercicio profesional da psicoloxía tamén é amplo e diverso. Segundo a última enquisa[1] elaborada polo Consello de Redacción de Cadernos de Psicoloxía, aínda que a maioría das colexiadas e colexiados do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia (COPG) desenvolven a súa actividade profesional no campo da saúde (54,5%), tamén amosan interese por outras áreas de actuación diferentes como, por exemplo, a intervención social, a psicoloxía educativa, a psicoloxía xurídica, a psicoloxía do traballo e das organizacións, o tráfico e a seguridade, a intervención en catástrofes e emerxencias, ou a psicoloxía do deporte. Ademais, en todas as áreas de traballo predominan as orientacións teóricas condutuais. De feito, o 65,0% das psicólogas e psicólogos galegos enmárcanse dentro da corrente cognitivo-condutual, seguidos en importancia de modelos inspirados no humanismo e na psicoloxía social/comunitaria. O resto teñen unha representación minoritaria.
Estes datos tamén revelan que a psicoloxía en Galicia é unha profesión fundamentalmente feminina. En concreto, o 75,9% dos colexiados e colexiadas que participaron na enquisa son mulleres, fronte ao 24,1% que son homes. Estas cifras son semellantes ás publicadas noutros estudos sobre o desenvolvemento da profesión (p. e., Santolaya, Berdullas e Fernández-Hermida, 2002). Ademais, o 47,9% ten menos de 40 anos e o 69,8% menos de 50 anos. Só o 3,3% é maior de 60 anos.
As colexiadas e colexiados galegos traballan principalmente no sector privado, tanto como autónomos (34,4%) como contratados por conta allea (31,1%). En cambio, o 7,5% atópase en situación de desemprego. Existe unha ampla variedade de centros onde desenvolven a súa actividade profesional, aínda que as consultas (34,2%) e as empresas privadas (25,0%) son maioritarias. A profesión ten maior presenza nas áreas urbanas. O 45,7% traballa nalgunha das sete grandes cidades galegas. En contraposición, o 19,8% traballa en municipios pequenos, menores de 10 000 habitantes.
A maioría levan colexiados e colexiadas 10 anos ou máis (53,8%), pero a súa relación con COPG é ocasional (71,2%). De feito, a forma habitual de contacto co mesmo é pasiva a través da información que COPG distribúe na Circular Informativa (82,0%), a páxina web (76,8%) e Cadernos de Psicoloxía (72,0%). Precisamente, con relación á revista, a maioría das persoas participantes considera que Cadernos de Psicoloxía trata cuestións relevantes para o exercicio profesional da psicoloxía (72,6%) e que os contidos publicados permiten ampliar os seus coñecementos sobre os temas tratados (50,7%). De feito, tanto o formato como a calidade da revista son valorados positivamente polas colexiadas e colexiados. Referendando o papel de Cadernos de Psicoloxía como un instrumento de comunicación propio sobre as nosas inquietudes e ocupación profesional (Montes, 2013; Torrado, 2008).
Tendo presente o valioso e prezado legado das xeracións precedentes, tamén cómpre coñecer os intereses e as inquedanzas dos novos psicólogos e psicólogas que se incorporan ao mundo profesional: a psicoloxía que vén. Neste sentido, o presente número de Cadernos de Psicoloxía recolle a modo de exemplo as contribucións de cinco psicólogos e psicólogas mozos coa finalidade de ilustrar algúns dos seus intereses e as respostas que propoñen para resolver os problemas profesionais.
O primeiro bloque de traballos correspóndese coas propostas de dúas galardoadas coa Beca Siota[2]. No primeiro artigo, Olaia Carrera Guermeur (Beca Siota 2011) e Emilio Gutiérrez García introducen unha revisión teórica da anorexia nerviosa. De modo resumido, analizan algúns dos principais factores que explican a limitada eficacia dos tratamentos psicolóxicos e farmacolóxicos actuais. De entre todos eles, destacan que os enfoques conceptuais predominantes outorgan un papel central á imaxe corporal. Como alternativa, presentan o traballo de investigación levado a cabo durante os últimos 15 anos na Unidade Venres Clínicos da Universidade de Santiago de Compostela (USC), onde identificaron o papel central da hiperactividade na anorexia nerviosa, tanto en animais como en humanos. Suxiren que o incremento da actividade física pode entenderse como un mecanismo de sostén da temperatura corporal, para compensar a hipotermia orixinada pola perda de peso. Finalmente, subliñan que para comprender axeitadamente a anorexia nerviosa e deseñar estratexias de intervención eficaces é preciso superar os enfoques que outorgan un papel central ao peso e á silueta corporal na concepción do trastorno.
No segundo artigo, Yolanda Maroño Souto (Beca Siota 2013), Miriam Vázquez Blanco e Alejandro A. García Caballero presentan un estudo sobre a eficacia do programa en liña e-Motional TrainingTM para o adestramento en cognición social e o aumento da competencia en pacientes con dano cerebral. En concreto, describen un estudo piloto pre-post en 12 doentes con dano cerebral da Área Sanitaria de Ourense. Os resultado avalan as súas hipóteses. De feito, o programa e-Motional TrainingTM amosa mellorías estatisticamente significativas na avaliación posterior á intervención nas probas diagnósticas empregadas. É dicir, tras realizar a intervención, os e as pacientes amosaron unha melloría na detección de emocións; na capacidade para descifrar a linguaxe velada ou suxerida; na capacidade para facer inferencias sobre os pensamentos, as emocións e as intencións dos demais; na capacidade para dar unha explicación dos erros e identificar as situacións de falsa crenza; e na súa intelixencia emocional. Do mesmo xeito, a avaliación postratamento revela que tamén se reduciu o nesgo no estilo atributivo dos e das doentes. As persoas autoras conclúen que este programa de adestramento en liña permite o autoadestramento en competencia social e o seguimento en liña do ou da terapeuta e que, polo tanto, pode servir como complemento da rehabilitación neuropsicolóxica destes e destas doentes.
Un segundo conxunto de artigos recolle a síntese dos Traballos Finais de Mestrado (TFM) de tres estudantes que terminaron os estudos na Facultade de Psicoloxía da Universidade de Santiago de Compostela (USC)[3]. En primeiro lugar, o traballo de Iago Quintairos Estévez (Mestrado en Estudos Avanzados sobre a Linguaxe, a Comunicación e as súas Patoloxías) recolle unha revisión bibliográfica das publicacións máis recentes sobre a execución na linguaxe de pacientes con deterioración cognitiva lixeira (DCL). A través do rastrexo dos traballos indexados en PsycInfo e Medline Advance 1966, apunta os principais marcadores empregados na diagnose da DCL e a súa capacidade discriminante. En concreto, sinala que a fluidez verbal e a denominación permiten identificar con notable sensibilidade os suxeitos cunha deterioración cognitiva lixeira e aqueles que xa entraron nun proceso demencial de tipo alzhéimer. Tamén subliña un incremento dos deseños lonxitudinais no estudo da relación entre marcadores biolóxicos e habilidades lingüísticas.
Pola súa banda, Lucía Pardo Ramilo (Mestrado Universitario en Psicoxerontoloxía) investiga a eficacia dun programa de estimulación nas persoas usuarias dun centro de día. Especificamente, presenta os resultados preliminares de tres subprogramas de intervención en persoas maiores: estimulación con novas tecnoloxías (Smartbrain e Nintendo Wii®), estimulación multisensorial e estimulación mediante o método Montessori. De acordo cos resultados descritos en estudos semellantes, a autora propón como hipótese que o programa de adestramento mellora o rendemento cognitivo e físico das persoas participantes, así como o seu estado de benestar emocional. Os resultados parciais recollidos sinalan que, tras as seis sesións de proba, as persoas participantes amosan unha melloría no seu rendemento e no seu benestar. Como conclusión, a autora identifica diferentes limitacións do traballo que permiten contextualizar de xeito máis preciso os resultados atopados.
Por último, Lorena Maneiro Boo (Mestrado en Psicoloxía do Traballo e das Organizacións, Psicoloxía Xurídico-Forense e Intervención Social), Xosé Antón Gómez-Fraguela e Jorge Sobral empregan unha mostra de 355 menores procedentes de centros de reeducación e de centros de protección da comunidade autónoma de Galicia para avaliar a influencia da exposición á violencia familiar na infancia sobre as condutas antisociais dos menores. As persoas autoras suxiren que a exposición á violencia doméstica é un precursor da violencia na mocidade. Os resultados apoian as súas predicións. En concreto, tanto nos informes proporcionados polos equipos técnicos dos centros de reeducación e protección como nos datos de autoinforme facilitados polos propios e polas propias menores, atoparon que a exposición a malos tratos na infancia inflúe significativamente nos seus comportamentos violentos, aínda que este achado soamente se confirmou nos centros de protección. Tamén atoparon que os e as menores que presenciaron violencia no ámbito doméstico na súa infancia rexistraban un número significativamente maior de actos violentos previos, en comparación cos e coas que non foron testemuñas dos devanditos episodios.
Desde o Consello de Redacción de Cadernos de Psicoloxía esperamos que o enfoque deste novo número especial poida servir para ilustrar, polos menos en parte, os intereses profesionais das investigadoras e dos investigadores mozos e que os temas abordados susciten novos debates e preguntas que permitan seguir avanzando no estudo da Psicoloxía desde unha óptica científico-profesional.
Agradecementos
O autor expresa en nome propio e no de todo o Equipo Editorial de Cadernos de Psicoloxía, o seu fondo agradecemento a todas as colexiadas e colexiados que desinteresadamente investiron parte do seu tempo en contestar a enquisa.
Referencias
COP (1998). Perfiles profesionales del psicólogo. Madrid: Colegio Oficial de Psicólogos.
Montes, C. (2013). Que pensan os/as lectores/as? Resultados da enquisa de avaliación de Cadernos de Psicoloxía. Cadernos de Psicoloxía, 34, 9-27.
Santolaya, F., Berdullas, M. e Fernández-Hermida, J. R. (2002). La década 1989-1998 en la Psicología española: análisis del desarrollo de la Psicología profesional en España. Papeles del Psicólogo, 22, 65-82.
Torrado, V. M. (2008). Editorial: Violencia. Cadernos de Psicoloxía, 32, 5-7.
[1] Nesta sondaxe, correspondente ao ano 2015, participaron un total de 215 colexiadas e colexiados para tratar de debuxar unha imaxe fidedigna e actualizada da profesión a través das principais características sociodemográficas e profesionais da intervención psicolóxica en Galicia. Os datos que aquí se presentan non se recollen pola representatividade estatística das persoas participantes, senón porque supoñen un importante esforzo de reflexión colectiva sobre quen somos e que facemos como colectivo profesional.
[2]Esta beca de investigación foi creada en 1995 en recoñecemento á figura de Manuel Siota López no desenvolvemento e mellora da profesión e ten como obxectivo fomentar a realización de estudos e investigacións en Psicoloxía por parte das colexiadas e colexiados no Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia.
[3]Os TFM foron solicitados á Facultade de Psicoloxía dentro do marco de colaboración existente entre ambas as institucións. Unha vez seleccionados os mellores TFM do curso académico 2012-2014, solicitouse aos autores unha adaptación máis breve do seu traballo para ser publicada en Cadernos de Psicoloxía, a cal se reproduce integramente.