Linguaxe e deterioración cognitiva lixeira (DCL) unha revisión bibliográfica

A identificación temperá das demencias, en particular, da demencia tipo alzhéimer (DA) xerou un amplo número de investigacións dirixidas a coñecer marcadores prodrómicos da enfermidade. A Deterioración Cognitiva Lixeira proponse como entidade diagnóstica que engloba algúns destes marcadores, pero na que persiste unha elevada heteroxeneidade, variedade etiolóxica e de prognóstico. O estudo de marcadores máis precisos das fases prodrómicas de DA levou aos investigadores e investigadoras a preocuparse polas peculiaridades lingüísticas dos pacientes con DCL, en particular polas habilidades de denominación, fluidez e memoria verbal. Con esta revisión preténdese coñecer o estado da investigación na actualidade e as súas novidades, utilizando as bases de datos especializadas en psicoloxía e medicina Psycinfo e Medline Advance 1966.

A fluidez verbal e a denominación reafírmanse como bos marcadores diagnósticos e de progresión, xunto ás características da fala e do procesamento semántico. Nos últimos dous anos obsérvase certa preferencia por estudar lonxitudinalmente a relación entre as habilidades lingüísticas e os marcadores biolóxicos.

Palabras chave: Deterioración Cognitiva Lixeira, linguaxe, revisión, denominación, fluidez verbal, habilidades lingüísticas.
Quintairos Estéve, I. (2017): Linguaxe e deterioración cognitiva lixeira (DCL): unha revisión bibliográfica. Cadernos de Psicoloxía. Vol. 35, 55-77. COPG, Galicia.