Programa de estimulación con novas tecnoloxías e programa de estimulación multisensorial para maiores

O obxectivo deste traballo é deseñar un programa de intervención para a poboación maior baseado en propostas de actualidade, tratando de estudar o efecto da estimulación con novas tecnoloxías (Smartbrain e Nintendo Wii ®), da estimulación multisensorial e do método Montessori. Os participantes desta investigación son todos os usuarios do centro de día das Neves (Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar), divididos en tres grupos, en función do seu rendemento cognitivo. Os grupos 1 e 2 (sen deterioración cognitiva e deterioración levemoderada, respectivamente) reciben estimulación a través do programa de ordenador Smartbrain e a través do xogo Wii Sports da videoconsola Nintendo Wii ®. Ademais, reciben estimulación sensorial baseada en contextos snoezelen. O grupo 3 (deterioración cognitiva grave ou moi grave) recibe estimulación baseada en contextos snoezelen e no método Montessori. Aplicáronse algunhas sesións de proba, atopando unha boa aceptación entre os participantes. Co programa Smartbrain, o rendemento dos participantes mellora co paso das sesións, indicando, unha mellora co manexo e unha habituación. Co videoxogo, o número de asistencias foi decrecendo co paso das sesións, o que reflicte un mellor manexo e unha maior comprensión. A estimulación multisensorial cos grupos 1 e 2 indica que os estímulos presentados resultan agradables e contribúen a inducir un estado de relaxación. En canto á estimulación multisensorial e Montessori co grupo 3, observouse unha alta participación e algúns cambios na conduta positivos.

Palabras chave: Persoas maiores, estimulación cognitiva, novas tecnoloxías, estimulación multisensorial, snoezelen, método Montessori.
Pardo Ramilo, L. (2017): Programa de estimulación con novas tecnoloxías e programa de estimulación multisensorial para maiores. Cadernos de Psicoloxía. Vol. 35, 79-97. COPG, Galicia.