Calidade, formación e recursos humanos. Tres sistemas para aplicar nas actividades de formación e de xestión de persoas polos psicólogos do traballo e os profesionais dos RR.HH.
A relación entre a psicoloxía do traballo, como disciplina científica que estuda o comportamento do ser humano no mundo do traballo e das organizacións a nivel individual, grupal e organizativo, e as funcións de recursos humanos nas empresas parece clara. Ninguén dubida de que o éxito e a sostibilidade das organizacións e das empresas, así como de calquera proxecto profesional colectivo, depende das persoas e das políticas de recursos humanos aplicadas á súa xestión. A xestión dos recursos humanos baséase en gran medida na psicoloxía do traballo, que lle achega coñecementos, experiencias, métodos e ferramentas e, por esta razón, os psicólogos do traballo están nunha posición privilexiada para intervir no devandito campo. Non debe sorprender por tanto a crecente influencia e o impacto da psicoloxía do traballo nas organizacións, ben sexa polos psicólogos que desenvolven a súa actividade nos departamentos de recursos humanos ou pola crecente formación impartida en temas propios da psicoloxía do traballo a profesionais procedentes doutras disciplinas.
Tamén resultou determinante a contribución da psicoloxía do traballo á xestión da calidade no ámbito dos recursos humanos. Ben é verdade que, como se verá logo, este é un campo en que aínda falta un importante camiño que percorrer e no cal a psicoloxía do traballo poderá achegar aínda máis mediante o desenvolvemento e a aplicación de sistemas que permitan unha xestión dos recursos humanos máis útil e de máis calidade.
En todo caso, desde hai tempo fóronse realizando aproximacións á calidade desde a profesión e houbo diversas iniciativas encamiñadas a crear sistemas de calidade propios. Froito destas iniciativas, na actualidade os profesionais dos recursos humanos contan con algúns modelos de calidade, non moitos, orientados especificamente ás funcións do seu campo de actividade e que poden aplicarse de xeito relativamente sinxelo.
A isto se dedicarán as seguintes páxinas, nas cales se analizará brevemente a calidade no campo dos recursos humanos e se describirán tres sistemas específicos de calidade no devandito campo. Son sistemas para os que resultou imprescindible a participación de psicólogos e de profesionais dos recursos humanos e son a referencia de calidade na actualidade para este ámbito. Trátase do sistema Qfor e da norma UNE-ISO 10667, ambos xa vixentes actualmente; e a nova norma ISO/TC 260 para a xestión dos recursos humanos, que está sendo elaborada na actualidade polo Comité Técnico correspondente.