O papel actual e futuro do psicólogo do traballo e das organizacións na seguridade e na saúde laboral

O profesional da psicoloxía do traballo e das organizacións (PTO) especialista en seguridade e saúde laboral (SSL) ou en prevención de riscos laborais (PRL) ten actualmente ante si un importante reto, clave para a súa supervivencia e o seu desenvolvemento como especialista nas próximas décadas. 

Primeiro, hai que entender a situación sociolaboral actual e os cambios que se están a producir na economía global e, por extensión, nas economías do noso contorno europeo, estatal e autonómico. 

Segundo, débese facer un exercicio de encaixe da profesión nesta estrutura económica e empresarial que se está a conformar. Consideramos como os dous ámbitos de actuación mais importantes os riscos psicosociais (RPS) e a intervención psicosocial (IP) en individuos, en grupos e en organizacións.

Terceiro, e último, hai que promover ou adquirir as competencias necesarias para lograr os obxectivos establecidos no parágrafo anterior. 

Cada vez existe unha maior preocupación na nosa sociedade polo coidado da saúde (e da saúde laboral) e isto permítenos ser moderadamente optimistas de cara á demanda de profesionais que xestionen as actividades que permitan acadar as anteriores intencións. 

Aínda que con forte competencia, a PTO-SSL cumpre perfectamente este perfil requirido, sempre que mellore as súas competencias en xestión de RPS e IP nas empresas. 

Palabras chave: Competencias, cultura preventiva, demanda, intervención psicosocial, riscos psicosociais.
Martínez Corral, C. (2017): O papel actual e futuro do psicólogo do traballo e das organizacións na seguridade e na saúde laboral. Cadernos de Psicoloxía, 36, 27-33. COPG, Galicia.