Redes sociais e dominación masculina
As masculinidades hexemónicas reforzan os seus mitos, lendas, relatos do amor romántico, a muller como posesión ou a muller como recompensa nas producións fílmicas tipo Hollywood, os debuxos animados, a música comercial, os relatos dos videoxogos ou o mundo das redes sociais, entre outros.
Na posmodernidade estes axentes de socialización teñen sen dúbida unha grande importancia para a construción de identidades clásicas polos modelos de identificación que se canalizan no contexto de dominio e subordinación.
Moitas destas imaxes teñen en común o referente do modelo hexemónico de masculinidade: os actuais debuxos animados (por exemplo a recente Los Increíbles 2), ou as novas músicas (Maluma, Bad Bunny, Enrique Iglesias…), os videoxogos (co tóxico GTA como paradigma) ou programas lixo en horario prime time como First Dates, inciden no mesmo.
Dá a impresión de que pouco se avanzou, un pesimismo invádenos, mentres os neomachismos se reproducen malia todo, coándose por todos os poros das nosas rutinas cotiás. Ninguén pode escapar diso, nin tan sequera en plan performático lanzando as televisións pola xanela. O Grande Irmán visual postmoderno controla os nosos máis mínimos movementos desta nova «cultura afirmativa», de reconcialización e refinamento do reclamo autoritario patriarcal.
Por iso a explicación de por que aínda temos tanta violencia de xénero é fácil: a nosa cultura vén permeada por infinidade de relatos machistas que constrúen as nosas subxectividades de forma diferenciada, de forma esencialista e con novos pero ao mesmo tempo vellos habitus de reprodución patriarcal.